O 49er FX de Támara Echegoyen afronta o treito decisivo da competición no segundo posto
Publicado o 30/07/2021 10:02
Tres probas e a Medal Race. É o que queda para rematar a competición de 49er FX en que está o barco coa galega Támara Echegoyen a carón de Paula Barceló.
Na terceira xornada de regatas o equipo español comezou cun discreto 14º posto pero deseguido se puxo as pilas e nas dúas seguintes conseguiu ser unha das máis regulares dentro do campo de regateo. Na segunda proba do día (oitava da competición) rabuñaron un cuarto posto e na derradeira foron quintas, as mellores entre as que están loitando polas medallas.
A primeira posición ocúpana o dúo dos Países Baixos Bekkering/Duetz (41 puntos), un menos que o barco de Echegoyen e Barceló (42) que conta con cinco de vantaxe sobre as brasileiras Grael/Kunze (47).