Triunfo na sexta regata para o 470 de Nico Rodríguez que se pon a un punto do podio
Xornada agredoce para o 470 do vigués Nico Rodríguez e Jordi Xammar. A competición chegaba á metade coa quinta regata na que a parella española facía o peor posto ata o de agora. Un 14º que supoñía o descarte e que deixaba unha mínima marxe de erro.
Sen embargo, o barco de Rodríguez reaccionou dun xeito admirable e na sexta e última proba do día acadou o segundo triunfo da proba (xa gañaran a segunda regata) e volveron a recuperar o pulso da competición.
O bote español remata a xornada no cuarto posto a un punto do bronce e a seis da prata. Intratables están os Australianos Belcher e Ryan, que están a demostrar a súa condición de favoritos para o ouro amosando unha gran regularidade.
A catro probas para o final Australia ten 11 puntos, Gran Bretaña 22, Nova Zelandia 27 e España 28 coa prata e o bronce moi abertos.