CRTVG

Buscar

O 31 de maio remata o prazo para rozar as leiras máis próximas ás casas

Publicado o 12/05/2021 16:50

Comeza a conta atrás para a limpeza de leiras con risco de incendio. O prazo para que os propietarios cumpran con esta obriga remata o 31 de maio, pero aínda quedan moitos terreos sen rozar.

Na aldea de Xestoso, en Lousame, teñen claro que máis vale rozar na primavera ca extinguir incendios no verán. E ademais a lei obriga a facelo, e antes de que remate o mes de maio. Concretamente hai que deixar despexada de vexetación unha faixa de 50 metros desde o límite dos núcleos de poboación.

 Abel Pérez. Axente territorial do distrito IV Barbanza. " Serían 50 metros onde non pode haber piñeiros, eucaliptos nin acacias e ten que estar o mato rozado antes do 31 de maio"

Este monte xestiónao a Xunta, e por iso son os brigadistas de Medio Rural os que rozan. Se as parcelas son privadas, son os propietarios os responsables de mantelas limpas.

 Cristina García Rodríguez. Técnica do distrito IV Barbanza: "Ten que limpar polos seus propios medios, contratando unha empresa calquera ou ben ir ao concello adherirse ao convenio que hai con Xunta e Seaga e encargar que sexan eles os que limpen"

A limpeza conveniada con Seaga custa 350 euros por hectárea e dá prioridade ás parroquias con máis problemática de incendio. Os particulares que deixen as leiras sen limpar poden ser sancionados.

 Antonio Diaz. Axente forestal do distrito IV Barbanza: " Esa sanción habería que pagala, pero non te exime de que ademais teñas que limpar igualmente. Non é unha obriga con fins recadatarios, é unha medida de prevención para que no verán haxa menos incendios e sexan menos perigosos"

O prazo remata o 31 de maio e aínda quedan moitas leiras por rozar. Unha polvoreira de biomasa que pode poñer en perigo as vidas e os bens dos habitantes máis próximos.


 

Noticias web

12/05/2021