CRTVG

Buscar

O 24 de xuño, día de san Xoán, volverá ser festivo no 2022

Publicado o 10/06/2021 14:47
O 24 de xuño, día de san Xoán, volverá ser festivo no 2022

O día de san Xoán, 24 de xuño, será festivo no 2022, segundo a proposta de calendario laboral aprobado polo Goberno galego na reunión semanal deste xoves.

O almanaque para o vindeiro ano establece como festivos propios da comunidade o días das Letras Galegas (17 de maio) e o de San Xoán (24 de xuño).  

A normativa estatal, fixada polo Real decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes catorce festivos, cada concello elixe dous.

Dos doce restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles non sendo que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (15 de abril non 2022), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro.

No ano 2022 hai dous festivos nacionais que coinciden en domingo: o 1 de maio, que se substitúe polo 17 de maio, Día das Letras Galegas; e o 25 de decembro (Nadal), que se cambia polo día de san Xoán (24 de xuño).

Ademais, as comunidades autónomas poden substituír outros tres festivos de carácter nacional: o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que no 2022 se celebrará o 14 de abril), que Galicia non adoita substituir; e a escolla entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Neste último caso, tal e como quedou establecido polo decreto 8/1978, do 10 de xullo, sempre se elixe a segunda opción.

Unha vez informado o Consello da Xunta de Galicia, o Consello Galego de Relacións Laborais deberá aprobar a proposta. Posteriormente, cada concello terá que determinar dous días festivos máis para a súa localidade.

Proposta de calendario para 2022

-Aninovo: sábado, 1 de xaneiro 

-Epifanía do Señor (Día de Reis): xoves, 6 de xaneiro

-Xoves Santo: 14 de abril 

-Venres Santo: 15 de abril

-Letras Galegas: martes, 17 de maio

-San Xoán: venres, 24 de xuño 

-Día Nacional de Galicia: luns, 25 de xullo 

-Asunción da Virxe: luns, 15 agosto

-Festa Nacional de España: mércores, 12 de outubro

-Todos os Santos: martes, 1 de novembro 

-Día da Constitución Española: martes, 6 de decembro 

-Inmaculada Concepción: xoves, 8 de decembro 

Noticias web

10/06/2021