Xa hai data para o xuízo contra Pachi Vázquez por presunta prevaricación
O xulgado do penal número 2 de Ourense acaba de sinalar a data para o xuízo contra Pachi Vázquez. Será o 23 de novembro.
Ese día, o exconselleiro de Medio Ambiente e antigo líder dos socialistas galegos sentarase no banquiño dos acusados xunto a outras catro persoas. O que se vai xulgar é a presunta formalización irregular de sesenta contratos laborais realizados durante a súa época como alcalde do Carballiño.
Pachi Vázquez foi o rexedor municipal da súa vila entre os anos 1995 e 2005. A fiscalía aprecia a existencia dun presunto delito de prevaricación continuada e solicita unha pena de dez anos de inhabilitación para emprego ou cargo público. O xuízo comezará o 23 de novembro e o xulgado reservou tres semanas para a vista, xa que todos os traballadores implicados terán que acudir a explicar diante da xuíza e a fiscala como accederon aos seus postos de traballo.