CRTVG

Buscar

O 2020 pecha en España con 70.703 mortes máis das esperadas

Publicado o 12/01/2021 18:38
O 2020 pecha en España con 70.703 mortes máis das esperadas

O Sistema de Monitoraxe da Mortalidade diaria (MoMo) do Instituto de Saúde Carlos III cifrou a sobremortalidade en España durante todo o 2020 en 70.703 falecementos máis dos esperados, o 63 por cento deles ocorridos entre marzo e maio, coincidindo coa primeira vaga da pandemia, e o resto entre xullo e decembro.

Son dous os períodos de exceso de mortalidade detectados por este sistema, o primeiro o comprendido entre o 10 de marzo e o 9 de maio, cando morreron 44.599 persoas máis das que se prevían, que supón un exceso do 66,9 por cento. O segundo esténdese do 20 de xullo ao 20 de decembro, en que ese exceso se eleva a 26.104 decesos, un 16,6 % de máis, de acordo co último informe de data do 5 de xaneiro.

Durante o primeiro, foi maior en mulleres (72 %) que en homes (67 %), e concentrouse especialmente nos maiores de 74 anos (78 %), seguido polo grupo de idade de 65 a 74 anos (58 %). O mesmo ocorre no segundo tramo: o exceso foi superior nelas (21 %) a neles (19 %) e deuse sobre todo entre maiores de 74 anos (19 %).

A sobremortalidade observouse nas 17 comunidades autónomas e nos grupos de idade de maiores de 74 e de entre 65 e 74. O MoMo utiliza a información de mortalidade por todas as causas que se obtén diariamente de 3.929 rexistros civís informatizados do Ministerio de Xustiza, correspondentes ao 93 por cento da poboación española, e inclúe todas as provincias.

As estimacións de mortalidade esperada calcúlanse mediante modelos restritivos de medias históricas baseados na mortalidade observada dos últimos dez anos. Ademais, o Carlos III dispón doutra ferramenta para medir o exceso de mortalidade específico do verán, o MoMo Calor, segundo o cal, nos meses estivais, rexistrouse unha sobremortalidad de 5.206 defuncións, das que só 1.875 son achacables ás altas temperaturas.

"No contexto da pandemia de COVID−19 é razoable supoñer que o resto do exceso de mortalidade identificado por MoMoCalor podería atribuírse a causas diferentes do exceso de temperatura, como a infección directa por COVID−19, a mortalidade indirecta da pandemia nos seus aspectos sanitarios, sociais ou de calquera outra índole, e a calquera outra causa de defunción", precisa.

Os falecementos atribuíbles á calor en 2020 supoñen un exceso do 1,8 %, inferior ao 2 % observado en 2019, ao 2,3 % de 2016, ao 2,7 % de 2015 e ao 6,1 % de 2003. Un 56 % deles producíronse no mes de agosto. Nove de cada dez eran persoas de máis de 74 anos.