O 20% dos pasaxeiros estrésase facendo a maleta
É un xesto que se repite estes días en moitas casas e que provoca estrés nun vinte por cento dos viaxeiros. Só algúns saben gozar do momento como paso previo a unha boa viaxe.
En xornadas coma hoxe son moitos os que teñen que facer ou desfacer maletas, algo que xera estrés nun 20% dos viaxeiros, segundo un recente estudo do buscador de voos Rumbo.
As equipaxes que dan máis traballo son as aéreas, e os peores pesadelos son esquecer cousas e que non caiba todo o que queremos levar.
As maletas para o aeroporto son as máis complexas de facer, polas medidas, polo peso e polos obxectos prohibidos nas de man.
As listaxes son clave para non esquecer nada, algo moi habitual nas viaxes, xunto con non levar roupa axeitada para o tempo que vaia.
Unha coñecida axencia de viaxes en liña acaba de elaborar unha guía para facer a equipaxe, os tamaños que permite cada compañía aérea e as normas e límites de todas.