CRTVG

Buscar

Ánxeles Vázquez: "A obriga de Galicia é protexer o lobo, e quen queda nunha situación vulnerable é o gandeiro"

Publicado o 24/09/2021 11:43

A orde ministerial sobre o lobo mantén enfrontadas a Asturias, Cantábria, Castela-León e Galicia co Ministerio de Transición Ecolóxica. Estas comunidades tentarán deixala sen efecto. Mentres, hai moitas dúbidas, como que Administración ten agora a competencia da xestión desta especie.

Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, afirmou nunha entrevista no informativo Bos días que Galicia e o resto de comunidades autónomas do norte do Douro están "agora mesmo nunha grande inseguridade xurídica". Destacou que Galicia tiña un plan de xestión que levaba implícito o control do lobo cando había ataques reiterados nunha zona e que había axudas para a prevención e para os danos. "A obriga da comunidade é agora mesmo protexer o lobo, e quen queda nunha situación vulnerable é o gandeiro", manifestou a conselleira, e que por iso se vai interpoñer un recurso ante a Audiencia Nacional e se pidan as medidas cautelares mentres non se pronuncia o xulgado.

O Goberno galego investiu nos últimos seis anos 4,6 millóns de euros en prevención e para paliar os danos ocasionados polo lobo, "uns danos que este ano supuxo que máis de dúas mil cabezas foran atacadas polo lobo", segundo afirmou Ánxeles Vázquez.

A orde ministerial di que se pode subtraer algunha especie, pero o gandeiro ten que demostrar que na súa explotación implementou un catálogo de prevención. Entre eses investimentos estarían "o soterramento de mallas de ata un metro con altura de ata tres metros, poñer pastores eléctricos a través de enerxía natural e que o gando estea sempre salvagardado por mastíns as 24 horas do día", destacou Ánxeles Vázquez.

Ribeira Sacra e Serras do Oribio, Reservas da Biosfera

Ánxeles Vázquez falou tamén da Ribeira Sacra como nova Reserva da Biosfera e afirmou que "é un recoñecemento o que temos nesta zona". Sobre a instalación de novos parques eólicos alí, dixo que non se poden poñer en zonas protexidas como é a Rede Natura porque hai que preservar a paisaxe. 

Axudas para eliminar o denominado 'feísmo' galego

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destacou que se habilitaron axudas para pequenas actuacións e así controlar e eliminar feísmo na paisaxe galega. No capítulo de urbanismo, Vázquez afirmou que este ano se triplicaron o número de solicitudes para a adquisión de inmobles nos centros históricos e que son os mozos os que reciben unha maior contía. 

Baleirado dos encoros

Sobre o baleirado dos encoros, a conselleira afirmou que a Xunta abriu un expediente sancionador á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e que agora "estamos nun período de alegacións e non podemos permitir este tipo de barbaries". Subliñou que se puxeron en perigo esas zonas e que están por ver os seus efectos.

 

Noticias web

24/09/2021