CRTVG

Buscar

Núñez Feijóo pide "un cambio de ciclo" no PP cun proxecto "máis europeo"

Publicado o 14/05/2021 19:01

O presidente de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, apoiou "incondicionalmente" a Pablo Casado, aínda que pediu "un cambio de ciclo" dentro do PP cun proxecto "máis europeo", que aglutine o centro-dereita para "subir o listón da política". En declaracións a Radio Euskadi, Núñez Feijóo asegurou que apoiará "incondicionalmente" a Pablo Casado como líder da súa formación "para cambiar o Goberno de España".

Pero, matizou, "gustaríame que no PP houbese un cambio de ciclo político e fósemos outra vez cara a unha política máis occidental, máis europea, máis previsible, nun momento en que se necesita subir un pouco o listón da política". Segundo reflexionou, "mentres non unifiquemos o centrodereita en España, a esquerda populista terá moitas máis posibilidades de gobernar e xa se viu". Ao seu xuízo, " Vox non veu solucionar ningún problema ao noso país" e en Galicia ese partido non ten nin un concelleiro, nin ningún deputado no Parlamento, e "ese é o modelo e a única fórmula de volver elevar" a política. 

O líder do PP, Pablo Casado, asegurou este cambio de ciclo que demana Feijóo é "imparable" e que xa o considerou así o comité executivo do partido de hai unha semana. Casado, quen visitou Zaragoza, foi preguntado polos medios por estas declaracións do presidente galego. O presidente do PP agradeceu o seu apoio, que dixo que é "recíproco" cara a Feijóo, "unha referencia en xestión" e que recibiu o apoio dos galegos en forma de tres maiorías absolutas.

Noticias web

14/05/2021