CRTVG

Buscar

Feijóo apela á prudencia na Radio Galega e espera o si do TSXG ás medidas da Xunta

Publicado o 09/05/2021 13:02

A Xunta espera o si do Tribunal Superior á prohibición de reunións de madrugada e ao peche dos concellos en risco extremo porque son os sanitarios os que os aconsellaron.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta: "Se os xuíces confían no sistema sanitario público, creo que podemos sacar adiante as medidas porque as medidas están pensadas por eles".

Alberto Núñez Feijóo díxolle a Luís Ojea que non pode asegurar a desescalada, e que mesmo poden volver as restricións a concellos onde aumenten os contaxios. Así e todo, espera que en xullo volvan os concertos do Xacobeo ao aire libre.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta: "A nós, gustaríanos empezar os concertos do Xacobeo a partir do mes de xullo deste ano, se as cousas van ben. Por que? Porque nos mes de xullo imos ter xa probablemente máis do 50 % da xente vacinada e porque imos establecer un protocolo de entradas e saídas, que é o momento máis perigoso pola conxunción de xente entrando polo mesmo lugar, e despois eses concertos deberían ser en todo caso sentados sen interacción social".

E tras os concertos, o demais; o presidente da Xunta espera un Xacobeo normalizado de xullo en diante. 

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta: "Supoño que a partir de xuño-xullo as cousas empezarán a cambiar e por tanto empezaremos a ver xa algunha imaxe parecida a un incipiente ano Xacobeo, que comezará, desde o punto de vista turístico, a partir do mes de xullo, creo eu, deste ano 2021 e espero que se consolide no ano 22, que tamén é Ano Santo, e teñamos unha explosión turística importante e poidamos celebrar un Ano Santo máis convencional con millóns de persoas que visiten Galicia".

Os peregrinos que cheguen dende zonas de risco deben inscribirse no Rexistro de Viaxeiros obrigatoriamente, por lei, ou afrontar unha multa.

Alberto Núñez Fejóo, presidente da Xunta: "No caso de que unha persoa incumpra o Rexistro de Viaxeiros, a lei galega o que di é que incorre nunha sanción, e esa sanción está tipificada cunha multa de 3.000 €".

Para os próximos días, o xefe do Goberno galego espera poder ir aumentando os niveis de ocupación, sobre todo, nos bares con medidor de CO2.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta: "Será o Comité Clínico, cada 13-14 días, o que, xunto co Sergas, decida como imos ir incorporando, no seu caso, o incremento de ocupación, e eu creo que os bares e cafeterías que teñen un medidor de CO2 teñen máis posibilidades de ver incrementada a súa ocupación".

Feijóo coida que a retirada do recurso de inconstitucionalidade contra a lei galega de saúde depende dunha decisión política do Goberno central. No que toca ás vacinas, lamenta a confusión creada coa de AstraZéneca, pero asegura que acatará a decisión do Ministerio de Sanidade.