Numerosos negocios víronse afectados por un corte de luz de 5 horas en pleno centro de Lugo
Esta tenda do centro de Lugo perdeu unha mañá de vendas por non poder subir a reixa. Debido á falta de luz, esta carnicería tampouco puido darlles servizo aos seus clientes, coincidindo, ademais, co día de mercado. O mesmo lle ocorreu a esta froitería. E nesta confeitería non puideron servir cafés. Foron numerosos os negocios que, debido a unha avaría na subministración eléctrica que afectou varias rúas do recinto histórico, sufriron perdas durante practicamente unha mañá enteira.
"Ás oito e vinte e cinco da mañá fóisenos a luz, chamamos a Barras tres veces e sobre as dez e dez viñeron e volveron marchar. Segundo dixeron, había un transformador que se queimara e veu a luz á unha e dez da tarde. Nós abrimos ás sete e media da mañá e cerramos á unha e media, así que non abrimos nada", di Paz del Río, carniceira.
"Eu cheguei, como todos os días, a abrir a tenda, e viñeron os da carnicería avisarme de que non abrira, que non había luz. A reixa é eléctrica, polo que era imposible. Chegaron os de avarías da empreza da luz sober as dez e pouco e non acabaron ata a unha. Entón, para media hora que me quedaba xa non abrín a tenda", conta Alba Conde, dependenta dunha tenda.
"Pastelería, xa nada. O forno apagouse. E logo a cafetería, tampouco. Ata que veu, pero cando veu xa marchara", explica Amparo del Río, confeiteira.
Algúns dos negocios afectados sufriron cuantiosas perdas, de incluso miles de euros, polo que van presentarlle reclamacións á empresa subministradora da luz.
"A min, concretamente, estame mirando o xestor unha media de facturación nesas horas para a reclamación que lle imos facer a Begasa. Nós, polo menos", asegura Ánxel Vázquez, comerciante.
"A Begasa, de momento estamos estudando co seguro noso que se pode facer. De perdas, temos todo o que se deteriorou do mostrador e mais o que perdemos de vender nun día de mercado nunha semana de Entroido", Paz del Río, carniceira.
En total, foron uns 150 abonados, entre eles un colexio, os que quedaron sen luz ata cinco horas.