CRTVG

Buscar

Nova York supera a España en casos de coronavirus na súa xornada máis mortífera

Publicado o 09/04/2020 23:19
Nova York supera a España en casos de coronavirus na súa xornada máis mortífera

O estado de Nova York confirmara ata este xoves case 160.000 casos de coronavirus, superando xa con claridade a España, que tras Estados Unidos é o país con máis positivos en todo o mundo, e afianzándose como o gran foco mundial. Segundo os últimos datos oficiais, Nova York ten 159.937 casos de COVID-19, fronte aos 152.446 infectados de España e os 143.626 de Italia. O estado xa superara momentaneamente a España na xornada anterior, pero coa difusión de datos actualizados este xoves en Madrid, o país volvera a poñerse por diante.

As últimas cifras de Nova York, cun aumento de máis de 10.000 positivos nas últimas 24 horas fronte aos 5.756 en España, volven situalo por diante e, a priori, fan xa difícil que volva darse a mesma situación. Así, Nova York -que acumula máis dun terzo do total de casos en Estados Unidos- consolídase como o gran epicentro mundial do coronavirus. Cunha poboación de 19 millóns de habitantes, Nova York ten uns 815 casos por cada 100.000

habitantes, moi por encima dos 326 de España, onde viven uns 47 millóns de persoas. No que respecta a os falecementos, o estado neoiorquino acumula 7.067, fronte aos 15.238 decesos de España, pero o brote en Estados Unidos vai algo por detrás no tempo e Nova York encadeou varios días con récords diarios de mortes.

Na última xornada, Nova York perdeu a 799 persoas pola enfermidade, máis que en España, onde faleceron 683, ou en Italia, onde foron 610. No conxunto dos EUA -onde viven uns 330 millóns de persoas- confirmáronse ata este momento máis de 452.000 casos, moi por encima das cifras de ningún outro país, e máis de 16.000 mortes, máis que en España pero polo momento menos que en Italia, a nación máis golpeada.

Italia supera os 18.000 falecidos, con 610 máis as últimas 24 horas Roma

Os falecidos en Italia con coronavirus son xa 18.279, ao rexistrarse 610 máis nas últimas 24 horas, unha cifra superior aos dous últimos días, nunha xornada en que tamén creceron os contaxios. Os casos actualmente positivos son 96.877, con 1.615 novos contaxios desde onte, un incremento considerable respecto ao mércores (1.195) e que supón case o dobre que os 880 do día anterior, e que foi a cifra máis baixa desde o pasado 10 de marzo. Os casos totais desde que se detectou o virus o 20 de febreiro son 143.626, 4.204 máis que o mércores, segundo os datos transmitidos polo xefe de Protección Civil, Angelo Borrelli.

Destes casos totais, 28.470 persoas xa se curaron, de novo un dous mil en 24 horas como o día anterior. Unha vez máis, unha gran maioría dos positivos (64.873, o 67%) están en illamento domiciliario, e séguense reducindo os hospitalizados con síntomas e os que están en coidados intensivos

Aumentan en 881 os mortos por COVID-19 no Reino Unido, ata case 8.000

O número de falecidos rexistrados en hospitais do Reino Unido por COVID-19 ascendeu hoxe en 881, ata un total de 7.978 vítimas mortais, informou o ministro de Exteriores británico, Dominic Raab. Trátase do segundo maior incremento diario de mortos contabilizado ata o de agora no país desde que comezou a estenderse a pandemia do novo coronavirus, despois dos 938 falecidos que se comunicaron onte. A cantidade de casos confirmados aumentou nunha xornada en 4.344, ata 65.077 persoas contaxiadas, mentres que 16.784 individuos están a ser tratados en hospitais.

Entre eles, cóntase o primeiro ministro británico, Boris Johnson, que pasou a súa terceira noite na unidade de coidados intensivos do hospital londiniense de St Thomas e "continúa dando pasos cara a adiante" na súa recuperación, segundo describiu Raab nunha rolda de prensa desde Downing Street.

Francia rexistra máis de 12.000 mortos dende que comezou a epidemia

Francia indicou este xoves que desde o inicio da epidemia rexistrou 12.210 mortes por coronavirus. Delas, 8.044 tiveron lugar en hospitais. Ademais, só no último día rexistráronse 412. Por outra banda, 4.166 persoas faleceron en residencias de anciáns e centros de dependencia.

O director xeral de Sanidade,  Jérôme  Salomon, indicou na súa conferencia de prensa diaria sobre a situación que hai 7.066 persoas na UCI. O saldo entre as saídas e os ingresos é negativo por primeira, 82 pacientes menos. Estes datos poderían apuntar a unha freada progresiva da epidemia, aínda que as autoridades francesas instan a tomalos con prudencia. 

O número de hospitalizados ascende a 30.767 e hai 86.334 casos confirmados de coronavirus, engadiu  Salomon, segundo o cal o confinamento en todo o territorio, iniciado o 17 de marzo e que vai ser prolongado máis aló do 15 de abril "empeza a dar os seus froitos".

Noticias web

09/04/2020