CRTVG

Buscar

Nubes xeneralizadas e retirada de xeadas e das tardes de primavera en Galicia

Publicado o 24/02/2020 14:00

A semana empeza similar a como acabou a pasada, con altas presións e ambiente anticiclónico. Pero non vai durar moito, as nubes están pedindo paso e hai cambio inminente.

Juan Taboada, meteorólogo de MeteoGalicia: "Pola tarde entran nubes de tipo alto e as temperaturas xa non van ser tan elevadas coma onte. Estaremos máis preto de 20 ou dos 25. Mesmo nalgúns puntos terán difícil chegar aos 20. Ese anticiclón debilítase e iso abre a porta para que mañá entre unha primeira fronte. Teremos un martes de Entroido cun tempo algo cambiado. As nubes serán protagonistas e a chuvia tamén, durante a mañá e bastante xeneralizada por todo o país. Afortunadamente, pola tarde tenderán a desaparecer".

Tras un domingo con temperaturas extraordinarias para febreiro; en Ourense chegaron aos 25 graos, no aspecto térmico o cambio vai ser máis notable.

Explica Juan Taboada que "esa fronte que entra pola mañá arrastra aire frío, polo que o termómetro pode descender ata dez graos. Mañá quedaremos máis preto dos 15 que dos 20 graos. E a partir de aí a situación será intermedia ata o venres, cunha situación entre altas e baixas presións, refachos de vento do oeste que achegan humidade, co que teremos xornadas con bastantes nubes, temperaturas normalizadas arredor dos 14 de máxima e algunha chuvia o xoves e venres, pero de pouca entidade, illadas e ocasionais".

Engade Taboada que as noites e as madrugadas se van suavizar. En consecuencia, a oscilación térmica reducírase moito dos 25 graos que chegamos a ter entre máximas e mínimas. Retíranse as xeadas e tamén as tardes primaverais.


 

Noticias web

24/02/2020