Novos roubos na urbanización da Louzaneta, en Lugo
A preocupación e o medo volven instalarse nesta urbanización da Louzaneta, ás aforas da cidade de Lugo. Os veciños aínda non se recuperaran do susto, despois do roubo rexistrado hai uns días, cando coñeceron o aviso de que se produciron outros dous asaltos en dous chalés separados por uns 200 metros.
Os movementos dos ladróns foron captados á perfección polas cámaras de seguridade desta vivenda, na que entraron forzando esta fiestra dun dos dormitorios, unha tarefa que segundo quedou rexistrado comezou contra as oito e media do serán e lles levou uns 15 minutos. Despois estiveron no interior da casa durante máis dunha hora, un tempo en que o revolveron todo. As cámaras captaron como entraron dous homes que baleiraron os armarios e desvalixaron os xoieiros, mentres que un terceiro quedou fóra nun coche, pero despois tamén entrou e fíxoo cunha maza, coa que rebentaron esta caixa forte, e finalmente marcharon cun botín composto de xoias e diñeiro en efectivo.
Os veciños da Louzaneta están fartos desta situación e cansos de reclamar máis seguridade. A maior parte das vivendas xa dispón de alarma e outras medidas de seguridade, pero nin así se libran da visita dos ladróns. Din que os roubos son constantes e, malia que algúns sinalan que xa perderon a conta, outros veciños calculan que se produciron xa uns 20 asaltos en só dous anos.