Juan Carlos Campo será ministro de Xustiza e completa o Goberno de Sánchez
• Lastra defende a composición do Goberno e di que xa recibe os parabéns de Europa | Garzón di que as dereitas queren facer "descarreirar" o novo goberno
• Ana Pastor di que dende o PP lle esixirán ao novo executivo que cumpra con Galicia
Pedro Sánchez ten que comunicarlle ao Rei a composición definitiva do seu executivo e ás dúas da tarde do domingo, comparecerá na Moncloa para facer públicos os nomes dos que van acompañalo na mesa do Consello de Ministros. Polo momento sábese que serán once mulleres e once homes. Vaise completando así o puzzle dun Goberno con 22 integrantes que debutará o martes.
O último nome, o do ministro de Xustiza coñecíase avanzada a tarde do sábado. O xuíz andaluz Juan Carlos Campo Moreno será o substituto de Dolores Delgado na vindeira lexislatura.
Campo naceu na localidade sevillana de Osuna en 1961 e actualmente exercía como maxistrado da sección penal da Audiencia Nacional, nunha praza que está pendente da publicación do concurso de adxudicación definitiva. Ademais, fora secretario de Estado de Xustiza durante dous anos e tamén vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial.
Ese currículo no eido xurídico compleméntase cun perfil político vinculado desde hai moitos anos ao PSOE. De feito, foi deputado por este partido na provincia de Cádiz.
O sábado tamén se coñeceron os titulares doutras dúas carteiras: Política Territorial e Cultura e Deportes.
Carolina Darias en Política Territorial e Rodríguez Uribes en Cultura, ministros de perfil político
Os dous novos ministros responden a un perfil semellante: políticos de partido, con experiencia en órganos do PSOE e tamén na administración pública.
Así recibían este mediodía no comité autonómico do PSOE canario a nova ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias. Ela será a reponsable das relacións do Goberno central coas comunidades autónomas, e hoxe mesmo apostaba polo consenso e o diálogo no seu futuro labor de goberno.
Carolina Darias ten 54 anos, licenciouse en Dereito e na súa biografía consta unha nota solidaria: ten tres fillos adoptivos. Nas Canarias foi escalando chanzos canto a responsabilidade administrativa: subdelegada e logo delegada do Goberno, presidenta do Parlamento insular e ata hoxe era conselleira de Economía no Goberno autonómico. Ou sexa, outra ministra que inclúe un perfil económico, neste caso para lidar coas comunidades autónomas.
O novo ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, tamén reponde a un perfil netamente político en contraste co anterior titular da carteira, máis centrado na xestión cultural. Naceu en Valencia hai 51 anos, pero desenvolveu a súa traxectoria política en Madrid, onde foi delegado do Goberno e actualmente exercía como voceiro adxunto do PSOE na Comunidade de Madrid.
Rodríguez Uribes especializouse en Filosofía do Dereito e considérase discípulo dun socialista histórico, Gregorio Peces-Barba. Os analistas destacan dúas notas ilustrativas no seu perfil político: é secretario de laicidade na executiva federal do PSOE e foi director xeral de apoio ás vítimas do terrorismo durante seis anos nos gobernos de Rodríguez Zapatero.