CRTVG

Buscar

O Goberno amplía o permiso de paternidade e aproba o decreto de alugueiro

Publicado o 02/03/2019 13:54

• No caso de ter un fillo este ano, o permiso será de 8 semanas

• O alugueiro non poderá subir máis que o IPC durante o contrato

O PP critica os decretos e Podemos considéraos insuficientes

 

 

O Goberno aproveitou o derradeiro Consello de Ministros antes da disolución do Parlamento para dar luz verde a dous decretos de contido social. O da vivenda crea un rexistro dos prezos do alugueiro e prohibe que suban por riba do IOC. O executivo tamén amplía a duración dos permisos de paternidade. En 3 anos, os homes terán dereito ás mesmas 16 semanas que hoxe desfrutan as nais.

Último Consello de Ministros antes da convocatoria de eleccións. O Goberno aprobou unha serie de decretos lei, a maioría de carácter social. Pedro Sánchez presidiu hoxe o último Consello de Ministros antes de que o próximo martes se disolvan as Cámaras. O Executivo aprobou hoxe o novo decreto de vivenda e alugueiro, que inclúe algúns cambios respecto do anterior proxecto, freado pola falta de apoios. A nova lexislación non inclúe límites aos prezos dos alugueiros, algo que esixía Unidos Podemos, pero contempla incentivos fiscais para intentar limitar as subas. O decreto prolonga a duración dos contratos, fixa límites para as fianzas e delimita as vivendas turísticas. Tamén ofrece protección para os desafiuzados.

Decreto vivenda

O primeiro intento do Goberno de Sánchez para regular os alugueiros fracasou en xaneiro pola negativa de Unidos Podemos a apoialo. Nesta ocasión semella que vai contar cos apoios necesarios para a súa tramitación, malia que o novo decreto non inclúe a esixencia da formación morada de limitar os prezos dos alugueiros. O Executivo opta por bonificacións fiscais para os arrendadores que ofrezan os seus inmobles por debaixo dos prezos de referencia. Amais, a evolución deberá estar vinculada á inflación.

A duración do contrato será de cinco anos de prórroga obrigatoria para as persoas físicas e sete para as xurídicas. Tamén limita a tres meses o máximo de fianza esixible ao arrendatario. Canto ao vencemento de contrato, o propietario deberá notificar con catro meses de antelación a intención de non renovar, mentres que o inquilino terá dous meses para avisar o caseiro se quere abandonar a vivenda.

O decreto tamén ofrece máis protección para os desafiuzados, e regula as condicións das vivendas turísticas. O novo decreto vaise publicar mañá no BOE, entrará en vigor ao día seguinte e non terá efecto retroactivo.

Igualdade laboral entre homes e mulleres

Pecha a lexislatura aprobando unha serie de medidas que terán que ser convalidadas pola Deputación Permanente do Congreso, porque as cámaras tamén se disolven a semana que vén. Entre elas, destaca un paquete destinado a garantir a igualdade laboral entre mulleres e homes.  Este ano, o permiso de paternidade vai incrementarse das cinco semanas actuais a oito. O ano que vén subirá a 12 semanas e no 2021 equipararase ao de maternidade, isto é, 16 semanas.

As empresas con máis de 50 traballadores terán que contar, obrigatoriamente, con plans de igualdade e deberán, ademais, publicar as retribucións dos seus traballadores e traballadoras para garantir que a igual traballo, igual salario. 

O Goberno tamén aprobou recuperar as cotizacións para as coidadoras de dependentes.