Novos contaxios nalgúns concellos da Barbanza poderían motivar un incremento das restricións
No mapa da Barbanza, Ribeira é o único punto vermello, en nivel alto de restricións. Pero nestes últimos días outros concellos da comarca están rexistrando un aumento dos contaxios. Entre eles, Rianxo. Doce novos casos de covid nos últimos catorce días.
"Pode ser na aldea, porque eu daquí non sei de ninguén", asegura unha veciña. "Eu vexo que a xente aquí respecta as medidas e as máscaras", sostén outra veciña.
Pero tamén hai quen observa certos incumprimentos que ao seu xuízo poderían derivar en novos contaxios.
"Moitas veces ves a xente que anda fumando pola rúa sen máscara e está cerca doutra xente, tampouco é que se respecte ao cento por cento", di un veciño. "Ao setenta por cento", asegura outro, que di que "cando se van aos bares fan o que lles da a gana, están amoreados e beben".
Malia os novos contaxios, a poboación vive este momento con maior tranquilidade, sobre todo as persoas que xa recibiron a vacina.
"Houbo algúns meses que estaba agoniada, semella que agora estás un pouco máis relaxada e con máis seguridade", relata unha veciña. Unha muller maior que recibiu a vacina explica que "aínda que se colla ten menos forza, eu vacineime tamén sempre coa gripe. Eu sei dalgunha que non quixo ir e iso é facerlle mal aos outros, se a collen ao mellor pégalla á outro".
Con incremento nos contaxios, Rianxo podería pasar ao nivel medio de restricións. É tamén o caso doutros concellos da Barbanza, como A Pobra, que ten neste momento unha incidencia acumulada a 14 días de 150 casos, ou Boiro, onde se detectaron na última semana doce novos casos.