Continúa o descenso dos casos activos en Galicia, con 83 persoas menos infectadas
A evolución da pandemia en Galicia continúa sendo positiva, segundo os últimos datos facilitados este sábado pola Consellería de Sanidade. O número de casos activos, xa por baixo do milleiro, segue á baixa. Hoxe hai 847, 83 menos ca o día anterior.
Ademais, medio cento de persoas continúan hospitalizadas por esta doenza, dúas máis respecto ao último reconto. Nas unidades de críticos hai 12 doentes, cifra que se mantén sen variacións, e en planta hai 38 (+2).
A comunidade rexistrou 46 contaxios diarios novos, seis máis que un día antes. Desde o inicio da pandemia en Galicia contaxiáronse 182.318 persoas, das que se curaron 178.867 e faleceron 2.638. Nesta xornada, o Sergas non notificou ningún falecemento de persoas con covid-19.
Por áreas sanitarias, A Coruña, a única que se mantiña por riba, baixou dos douscentos casos activos (196). O resto de áreas segue practicamente co seu descenso paulatino, aínda que a de Ferrol, que mostraba os mellores datos, subiu nun caso (de 23 a 24).
Galicia continúa entre as comunidades coa taxa máis baixa de incidencia acumulada nos últimos quince días, cunha media de 27 casos por 100.000 habitantes.
Novo protocolo
Con esta situación, unida a que máis do 91 % da poboación ten a pauta completa de vacinación, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou esta semana que o Goberno galego presentará un novo protocolo para medir a incidencia da covid, que servirá para aumentar a ocupación dos locais e para abordar os posibles gromos que poidan xurdir.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia validou, ademais, a posibilidade de pedir o certificado de covid para acceder a locais de lecer nocturno que abran ata as catro da mañá e cunha capacidade de ocupación do 75 % en interior e do 100 % en exterior.
A medida está en vigor desde a medianoite de sábado. Con este aval, sinalou Núñez Feijóo, a relaxación nas restricións e o aumento do nivel de ocupaciónspode ir "moito máis rápido".