CRTVG

Buscar

Novo gromo nunha conserveira da Pobra, con 3 positivos en covid-19

Publicado o 26/08/2020 15:18

200 profesionais dunha das empresas de alimentación dun grupo conserveiro, situada na Pobra do Caramiñal, estanse a someter este mércores ás probas PCR. Unha medida tomada despois de que se rexistraran 3 casos positivos entre o seu persoal.

É o último gromo orixinado na área sanitaria de Santiago e A Barbanza. Pero hai outros que preocupan.

No centro loxístico de Correos, en Santiago, mantense activo un foco con 12 persoas contaxiadas. Segundo confirma a propia empresa postal, 8 pertencen ao cadro de persoal, e outras 4 serían contactos deses afectados.

O Sergas tamén vixía a evolución do foco orixinado na residencia de maiores Volta do Castro, en que seguen sen aumentar os casos. Hai unha traballadora contaxiada.

Onde seguen subindo as cifras de positivos é en Melide. O municipio suma 57 casos activos.

Outro dos puntos de atención está en Santa Comba. O gromo rexistrado tras unha comida familiar confirma xa 30 positivos.

E en Lalín segue estable, con tres persoas contaxiadas, o foco orixinado na residencia de maiores DomusVi.

Ademais, o positivo por covid-19 dunha nena obrigou a activar o protocolo de prevención nun campamento urbano nos Tilos, no municipio de Teo. Polo momento, non hai máis contaxios.

A área sanitaria de Santiago e A Barbanza sumou 53 novos positivos nas últimas 24 horas, situándose nos 382 casos activos.

Noticias web

26/08/2020