CRTVG

Buscar

A cepa británica sobrevoa o gromo do barrio lugués de Paradai, cuns 60 positivos

Publicado o 18/02/2021 12:42

O gromo do barrio lugués de Paradai é arestora o máis activo de toda a provincia de Lugo. En menos dunha semana, o Colexio de Educación Infantil e Primaria do lugar pasou de ter unha decena de positivos a sumar 40 entre alumnado e profesorado. Arestora hai sete aulas pechadas polo que as familias estreman as precaucións.

"Aquí respectáronse sempre as normas de seguridade. Os casos que se deron foron xeralmente por contactos externos", asegura Elena Varela, presidenta da ANPA. Tras o gromo no colexio realizouse un cribado entre as familias das persoas vinculadas ao centro e agora xa suman uns 60 positivos.

Algunhas das mostras analizadas son compatibles coa cepa británica. "O que vemos neste caso ao igual ca no de Guitiriz é que xera unha maior transmisibilidade. O risco de contaxio aumenta bastante pero, ata o momento, non está a supor unha maior gravidade na presión asistencial nin no curso clínico dos enfermos", explica Rafael Monte, director asistencial da área sanitaria de Lugo.

A presenza desta variante é cada vez máis habitual. "Claramente en España xa se demostrou que é un dos países onde a variante británica está moi distribuída. En concreto, en Galicia parece ser que polos datos de secuenciación arredor do 50 % das variantes que circulan por Galicia serían da variante británica", sinala a inmunóloga África González.

Noticias web

18/02/2021