CRTVG

Buscar

Derrúbase outra parte do cono do volcán e ábrense novas bocas de lava

Publicado o 23/10/2021 17:03

Este sábado derrubouse parcialmente o cono principal do volcán Cumbre Vieja, e abríronse novas bocas de emisión de lava. Os científicos din que é un fenómeno habitual neste tipo de erupcións. A lava ameaza agora os últimos barrios desaloxados na Palma.

As próximas horas van ser decisivas para saber se a lava do volcán Cumbre Vieja respectará ou arrasará os últimos barrios desaloxados na illa da Palma, pertencentes a maior parte deles a La Laguna, pero tamén a Los Llanos de Aridane e a Tazacorte.

Todo depende da evolución da lava das dúas coadas que se uniron en La Laguna, e que de momento está detida nas inmediacións do colexio e da igrexa, pero gañando en altura e anchura. Se a lava non rodea a montaña, arrasará coas zonas desaloxadas o mércores.

Esta mañá, o cono principal do volcán, que xa supera os 200 metros de altura, derrubouse parcialmente e abríronse novas bocas de emisión de lava. Os científicos din que estas rupturas e aperturas de conos secundarios son normais nunha erupción coma esta.

Ata o momento as coadas cobren 845 hectáreas da illa, das que 258 estaban destinadas á agricultura, sobre todo ao cultivo de plátanos. A lava arrasou tamén máis de mil casas. A illa sufriu no que vai de sábado 37 sismos, todos de baixa intensidade.

Noticias web

23/10/2021