Novo cribado no instituto de Vilalba polo aumento de casos

O Sergas mantén a vixilancia do gromo de covid-19 detectado na localidade lucense de Vilalba que afecta unha vintena de persoas. Para tentar cortar canto antes as cadeas de transmisión, programou para este venres un cribado no instituto Santiago Basanta Silva.
Algo máis de cincocentas persoas matriculadas no centro de secundaria están convocadas para realizaren as probas diagnósticas.
Trátase do segundo cribado que o Servizo Galego de Saúde fai neste instituto en poucos días. No anterior, 120 estudantes sometéronse aos tests e detectáronse catro positivos asintomáticos.
Nestes momentos, a incidencia acumulada no municipio é de 125 casos por cada 100.000 habitantes, a sete días, e máis de 150 casos por cada 100.000 habitantes, a catorce días.
Vilalba é, xunto a Xove, Cervo e Monforte, un dos catro concellos da provincia de Lugo que pasarán esta medianoite ao nivel medio de restricións.
Pola súa banda, Viveiro pasará ao nivel alto como consecuencia dun gromo que xa afecta unhas 65 persoas.