CRTVG

Buscar

Novo cribado no colexio Fogar de Carballo, o máis afectado pola covid-19

Publicado o 12/11/2020 18:08

A Xunta vai facer un novo cribado no colexio Fogar de Carballo, o máis afectado agora mesmo en Galicia pola covid-19.

O centro mantén activos varios gromos que suman xa 25 positivos. Deles, arredor dunha ducia son mestres e o resto, alumnos.

A Consellería fará ese novo cribado en todo o primeiro ciclo de primaria para intentar frear a expansión do virus e, segundo nos confirmaron dende a dirección do centro, se isto non fose suficiente, o cribado estenderíase a todo o colexio.

O primeiro caso foi o dunha mestra que deu positivo a finais de outubro e desde entón o número de casos non deixou de medrar.

Continúa a redución de casos en escolas

A situación na comunidade galega segue unha tendencia de redución do número de positivos por COVID-19, que baixan ata os 1.254 casos en toda Galicia e que obrigan a manter pechadas polo menos 70 aulas. 

A maiores do centro de Carballo destaca o plurilingüe Apóstolo Santiago de Vigo, con 17 positivos e oito aulas pechadas. A área sanitaria de influencia da cidade olívica segue como a zona con máis casos, 361 positivos e 18 unidades pechadas. Ademais do Apóstolo Santiago, outros centros con cifras importantes son o CPR Mendiño, con 12, ou o CEIP Plurilingüe As Solainas-Nicolás Gutiérrez Campo da Guarda, que conta con 9 positivos e polo menos dúas unidades pechadas. No propio municipio de Vigo, destacan tamén o IES Alexandre Bóveda, o CEIP San Salvador e o CPR Plurilingüe San Fernando, o tres con nove positivos confirmados.

A área da Coruña, pola súa banda, rexistra 239 positivos e 19 aulas afectadas, con centros como o CEIP de Arteixo (con 5 positivos e dúas aulas pechadas), o CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe con 7, e o IES Maximino Romero de Lema de Zas con oito. ç

Tamén se sitúa entre as zonas máis afectadas a área de influencia de Lugo, con 176 positivos por coronavirus nos centros. A incidencia obriga a manter pechada a escola infantil Golfiños de Lugo con polo menos cinco positivos, xunto a catorce aulas, e conta con cifras destacadas de positivos no CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei, con oito; o IES Lucus Augusti e o CPR Plurilingüe Divina Pastora, con sete.

Os centros da área de Pontevedra suman 154 contagios e oito aulas pechadas, con casos como o CEIP A Lama que conta con seis unidades clausuradas por tan só dous positivos; o IES Francisco Asorey de Cambados con sete; ou o IES Chan do Monte de Marín e o IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra, con seis casos.

As áreas de Santiago, Ferrol e Ourense, que seguen mellorando a súa situación con 120, 106 e 98 positivos en activo, respectivamente. A capital galega, no entanto, mantén sete aulas pechadas, mentres Ferrol e Ourense contan con dúas.

Noticias web

12/11/2020