CRTVG

Buscar

Caso Déborah: as fibras nas unllas sinalan a quen a familia considera principal sospeitoso

Publicado o 06/10/2021 17:18

Os primeiros resultados da exhumación do cadáver de Déborah confirman que as fibras que lle atoparon debaixo das unllas son compatibles coas da colcha do único sospeitoso do crime, o home a quen sempre sinalou a familia. O paso seguinte é cotexalas con outras que se recolleron na arca.

Trátase da primeira vez que a investigación pola morte de Déborah conta cunha proba que apunta directamente a este home, co que a moza mantivera unha relación sentimental. O Instituto de Toxicoloxía recoñeceu que hai unha coincidencia entre o material recollido nos restos tras a exhumación do cadáver e unha colcha que pertencía a esta persoa investigada no seu momento pola policía. 

Isto pode dar un xiro radical ao caso, xa que está identificado e fora interrogado en varias ocasións. A colcha pertencía a unha cama onde puido levarse a cabo o crime. Coincide coa hipótese de que o cadáver foi envolto para o seu traslado no que podería ser unha manta, xa que no seu día se atoparon múltiples fibras no cabelo de Déborah.

O informe foi remitido ao Xulgado de Instrución número 2 de Tui. Agora, a familia, tras estes resultados, agarda que se tome algunha determinación xudicial.

Este mes está previsto que o xulgado retome as declaracións, pero estas mostras do instituto forense abren unha nova esperanza para unha familia que leva 19 anos pedindo xustiza para Déborah. 

 

Noticias web

06/10/2021