Novembro pechou como o mes con máis novos positivos de toda a pandemia
O Ministerio de Sanidade notificou case vinte mil contaxios durante a fin de semana, o dato máis baixo dende finais de agosto, pero que pecha novembro como o mes con máis novos positivos de toda a pandemia. A transmisión do virus en España segue descendendo paseniñamente, semella que remite a segunda vaga e nótase unha leve diminución da presión ao sistema sanitario.
Esta fin de semana perderon a vida co coronavirus 401 persoas, segundo informou onte Sanidade. Novembro é o mes con máis decesos rexistrados nesta segunda vaga: falamos de case 9.200 mortos. Oficialmente, xa pasamos dos 45.000 falecidos con esta doenza. Non convidan ao optimismo na evolución das cifras as imaxes das primeiras aglomeracións da temporada de Nadal.
As autoridades sanitarias lembran tamén as outras medidas: uso de máscaras, hixiene de mans, ventilación de espazos pechados...
E pendentes arestora dos protocolos que se están a debater para as celebracións familiares do Nadal, dos que se falará na vindeira reunión do consello interterritorial de saúde.