CRTVG

Buscar

Novavax demostra unha alta eficacia para previr casos severos de covid−19

Publicado o 14/06/2021 17:08
Novavax demostra unha alta eficacia para previr casos severos de covid−19

A vacina da firma estadounidense Novavax contra a covid−19, que se está a fabricar no Porriño, amósase segura e totalmente efectiva en doentes de "alto risco" e coas principais novas variantes do virus.

Segundo un comunicado difundido pola empresa con sede en Maryland, o preparado, aínda en fase tres de estudo, demostrou unha eficacia do 93 por cento contra as principais variantes da doenza que circulan na actualidade e do 91 por cento en pacientes de alto risco.

NVX-CoV2373, nome técnico da vacina baseada en proteínas de nanopartículas recombinantes, cumpriu coas expectativas de protección nos ensaios realizados en fase 3, que incluíron un total de 29.960 pacientes dos Estados Unidos e México.

"Hoxe, Novavax está un paso máis preto de abordar a necesidade crítica e persistente de saúde pública mundial de vacinas adicionais contra a covid−19. Estes resultados clínicos reforzan que  é extremadamente eficaz e ofrece unha protección completa contra a infección COVID−19 moderada e grave", dixo Stanley C. Erck, presidente e director executivo da firma.

"Novavax continúa traballando cun sentido de urxencia para completar as nosas presentacións e entregar esta vacina, construída sobre unha plataforma ben coñecida e probada, a un mundo que aínda ten unha gran necesidade de vacinas", precisou o executivo.

A compañía ten a intención de solicitar as autorizacións regulamentarias no terceiro trimestre deste ano, unha vez que se completen as fases finais da cualificación do proceso e a validación do ensaio necesarias para cumprir cos requisitos de química, fabricación e control nos organismos estadounidenses.

Novavax podería alcanzar unha capacidade de fabricación de 100 millóns de doses por mes para finais do terceiro trimestre de 2021 e de 150 millóns de unidades por mes para finais do cuarto trimestre de 2021.

A farmacéutica americana escolleu o grupo galego Zendal, con dúas plantas no Porriño, para a produción industrial no mercado europeo deste preparado contra a covid−19.

Noticias web

14/06/2021