Novas sentenzas reprenden a DXT por non aplicar a marxe de erro dos radares nas multas
Unha multa de 300 euros e a retirada de dous puntos pode converterse nunha sanción de 100 euros, ata 50 por pronto pago, e sen perda de puntos. Ocorre cando se calcula a contía da multa tras descontar na velocidade a marxe de erro do radar. Isto é o que Tráfico debe facer, segundo Automobilistas Europeos Asociados.
Mario Arnaldo, presidente de Automobilistas Europeos Asociados: "Sobre a velocidade que aparece na fotografía hai que descontar a marxe de erro para poder aplicar correctamente a sanción que corresponde".
A asociación lembra que cinco novas sentenzas xudiciais reforzan o criterio das súas denuncias, algunhas presentadas en Galicia.
Mario Arnaldo, presidente de Automobilistas Europeos Asociados: "Nós temos casos no xulgado da Coruña, Ferrol, Vigo. Na recente sentenza de Vigo avala que Tráfico non está calculando as sancións por exceso de velocidade correctamente. Aplica multas por riba do que establece a lei".
Por iso din que, cando recibamos unha multa, debemos revisala e calcular a contía descontando a marxe de erro na velocidade. É do 5% radares fixos, 7% en móbiles e 10% no Pegasus. Se obtemos unha contía inferior á que pon a multa, recomendan actuar.
Mario Arnaldo, presidente de Automobilistas Europeos Asociados: "En primeiro lugar, hai que asesorarse ben para saber se a sanción é correcta. Se vemos que, como ocorre na maioría dos casos, o importe é inferior ao da multa o que hai que facer é defender os lexítimos dereitos".
Se é preciso, mesmo recomendan acudir aos tribunais.