CRTVG

Buscar

Novas probas reviven o caso das nenas de Alcàsser máis de 27 anos despois

Publicado o 20/02/2020 14:19

Son moitos os enigmas que seguen rodeando o crime das nenas de Alcàsser, máis de 27 anos despois. Agora logrouse extraer ADN duns restos humanos que apareceron o ano pasado no lugar do triplo crime e non se desbota que poidan corresponder a algunha das rapazas.

O Instituto de Medicina Legal de Valencia solicitoulle ao xulgado de Alzira, encargado do caso Alcàsser, autorización para tomar mostras biolóxicas á nai de Miriam e ao pai de Desirée.

Trátase de corroborrar se os restos humanos que atopou unha parella en xuño do ano pasado na zona onde foron soterradas as tres rapazas son, como se cre, dalgunha delas.

Das probas excluíron os pais de Toñi, porque os restos que apareceron serían das falanxes das mans e a ela non lle faltaba ningún dedo cando se realizaron as autopsias en 1993.

Agora estase á espera dos resultados que acheguen estas probas xenéticas e delas dependerá que o xulgado poida ordenar á Garda Civil que remova outra vez a terra preto da foxa onde foron soterradas as tres rapazas, despois de ser secuestradas, torturadas e violadas.

O caso desatou unha presión mediática sen límites sobre as familias das rapazas que, segundo os seus achegados, están desfeitas por ter que revivir todo o sucedido, máis de 27 anos despois.

Os dous acusados por estes crimes foron Miguel Ricart e Antonio Anglés. O primeiro deles, condenado a 170 anos, saíu da cadea no 2013 en aplicación da doutrina Parot. Anglés fuxira da Garda Civil e non se volveu saber nada del.

Noticias web

20/02/2020