Novas declaracións no caso de Deborah Fernández
Hai novidades no caso da morte da viguesa Déborah Fernández, a xuíza citou novas testemuñas a declarar.
A próxima semana foi citada unha testemuña que, segundo lle relatou no seu momento á policía, vira a Déborah falando cun home en Alcabre o día da súa desaparición.
Segundo relatou entón, viuna dúas veces, unha delas nun lavado de coches, cun mozo moreno e máis alto que a rapaza.
Este testemuño foi aceptado despois de que fora proposto polos avogados da familia de Déborah. Eles tamén tomaron declaración a outras persoas do círculo da moza para despois pasarlle as gravacións á Fiscalía.
Dende que se reabriu o caso, hai xa máis dun ano, producíronse varias declaracións, as últimas foron o pasado mes de novembro. A familia insiste en pedir que busquen e escoiten todas as persoas que poidan achegar luz ao caso.