CRTVG

Buscar

Aninovo nevado na montaña de Lugo e Ourense

Publicado o 01/01/2021 19:41

O ano empezou tamén con moito frío e con neve en cotas bastante baixas. As montañas de Lugo e Ourense están en aviso amarelo ata esta medianoite. As maquinas quitaneves traballaron todo o día para manter limpas as estradas. Só houbo problemas puntuais na rede secundaria, con algunha saída de vía por culpa do xeo.

O xeo complica a circulación na montaña de Ourense

Nevou ao longo de toda a xornada. Aínda así, as maquinas quitaneves non deixaron que a neve callase e pola rede principal de estradas da provincia de Ourense circulouse con moito menos trafico do habitual pero con total normalidade.

En estradas de alta montaña si que está máis perigoso circular, hai que facelo con moita precaución pola placas de xeo.

Así que ademais de retirar a neve hai que percorrer as aldeas botando sal.

Na provincia a neve callou por riba dos 600 metros de altitude e acadou un espesor considerable. Moitos tiveron que sacar a neve para poder saír das súas casas.

Caen folerpas a partir dos 500 metros en Lugo

Esta tarde, cando parecía que se estaba desfacendo algo a neve que caera esta mañá polo Cereixal, volveu nevar de novo.

Vai moito frío e os máis dos veciños están dentro das súas vivendas celebrando o ano novo.

Sempre hai quen ve nunha aba nevada unha oportunidade para tirarse cunha zorra.
Con todo, apenas hai veciños por fóra das casas, só algúns que se animar a dar unha volta antes de que sexa noite pecha.

Un veciño que naceu en Castro Ribeiras do Lea e que agora vive no Cereixal fálanos de hai décadas, cando a neve case cubría a un.

O máis perigoso agora, cara á noite e para quen colla o coche, é o xeo que hai baixo a neve.

Noticias web

01/01/2021