CRTVG

Buscar

Nova vaga de asaltos aos negocios hostaleiros na contorna de Lugo

Publicado o 03/03/2020 13:48

En apenas media hora, unha banda organizada asaltou tres establecementos hostaleiros na contorna de Lugo. O primeiro foi este restaurante de Castro de Ribeiras de Lea, en Castro de Rei. Aquí fixéronse cuns 900 euros que había na caixa rexistradora. Ao soar a alarma, o dono asomouse por unha ventá e os ladróns fuxiron.

Co mesmo modus operandi, minutos despois entraron nesta outra casa de comidas situada na parroquia luguesa de Teixeiro. Forzaron unha ventá e, unha vez dentro, levaron o caixón da caixa rexistradora, que contiña uns 80 euros. Tamén intentaron forzar a máquina do tabaco, pero escaparon en canto soou a alarma.

Pero o maior botín conseguírono neste hotel de Conturiz, tamén en Lugo. Tras forzar unha porta, os asaltantes fixéronse na cafetería con dúas caixas rexistradoras, valoradas nuns 18.000 euros. Cada unha delas tiña uns 3.000 euros en metálico, polo que as perdas totais suman uns 24.000 euros.

Esta nova vaga de roubos motivou, unha vez máis, a preocupación dos hostaleiros lucenses.

"Non só hai casos en que unicamente rouban nos establecementos, senón tamén os hai en que rouban nos domicilios privados dos donos dos negocios asaltados de madrugada. Entón a xente está, se non alarmada, o paso anterior, que é moi preocupada", dixo Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo.

Os axentes da Garda Civil e da Comisaría de Lugo tratan agora de indentificar os autores desta última serie de asaltos aos negocios hostaleiros.

Noticias web

03/03/2020