CRTVG

Buscar

Feijoo pide máis protagonismo para as comunidades e non prolongar o estado de alarma

Publicado o 03/05/2020 13:16
Feijoo pide máis protagonismo para as comunidades e non prolongar o estado de alarma

A oitava xuntanza de presidentes deixou discrepancias entre a visión do presidente Pedro Sánchez e algúns presidentes autonómicos, entre eles o galego Núñez Feijoo. 

Sánchez realizou tres anuncios aos presidentes autonómicos: reforzar o consenso e a coordinación coas comunidades cunha xestión conxunta, a creación dun Fondo de Reconstrución non reembolsable de 16.000 millóns de euros e a aprobación o vindeiro martes de 24.500 millóns para créditos ICO a empresas ao 50/50 tentando beneficiar a pemes e autónomos.

Resposta de Feijoo

Para o presidente da Xunta, non se están a ter en conta as opinións das comunidades autónomas e esa "xestión conxunta" da que fala Sánchez, de momento, non se produciu

Núñez Feijoo transmitiu o seu desacordo coa intención de prolongar a situación de estado de alarma ao entender que hai "lexislación ordinaria" coa que o Goberno pode actuar. 

Tamén se amosou crítico cos protocolos da fase de desescalada porque ata o de agora "non se coñecen criterios sanitarios para delimitar en que fase se atopa cada territorio". 

O que puxo en valor o presidente do executivo galego foi o esforzo económico que realizará co Fondo de Reconstrución e solicitou os criterios polos que se fará o reparto.