CRTVG

Buscar

Nova liña de axudas para pequenas reformas en inmobles que permitan combater o feísmo

Publicado o 13/04/2021 15:02

Estruturas e edificios a medio acabar, materiais inadecuados e aberracións arquitectónicas que maltratan a paisaxe son só algúns dos exemplos do chamado feísmo en Galicia. Dende a arquitectura apuntan á sensibilidade, ao criterio e á educación como ferramentas clave para combatelo.

"Falta moita educación por parte dos cidadáns e dos que construímos Galicia, falta entender a nosa realidade construída, como a nosa paisaxe se foi construíndo co tempo", explica o arquitecto Alberto de Paula Prieto.

Para contribuír a esa loita contra o feísmo, a Xunta pon en marcha unha liña de axudas dirixidas a particulares que queiran facer pequenas intervencións en vivendas e inmobles.

"É un millón de euros que poden solicitar dende mañá, con máximo de 3.000 euros por inmoble e chegando a un máximo dun 70 por cento", di Ángeles Vázquez, conselleira do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Cambiar un tellado, pintar e recebar a fachada dunha casa, ou mellorar o muro de peche dunha propiedade son algunhas das actuacións que se poden levar a cabo con estas axudas, enmarcadas no plan estratéxico da paisaxe. O obxectivo, mellorar visualmente edificacións e reducir o seu impacto negativo na contorna onde se asentan.

Noticias web

13/04/2021