Notifícanse 40 novos positivos na área sanitaria de Santiago
En total, na área sanitaria de Santiago-A Barbanza hai 212 persoas cunha proba de coronavirus positiva. Son 82 máis ca o venres . A inmensa maioria están ben, illados e con seguimento dende a casa. Nos hospitais hai tres pacientes ingresados con coronavirus. A área sanitaria de Santiago iguala os novos casos activos rexistrados hoxe na área da Coruña-Cee, e faino, ademais, con varios gromos activos.
O usuario da residencia Domus Vi de Lalín que deu positivo por covid-19 foi hospitalizado. Segundo informan dende a dirección do centro, o home atópase ben e sen ningún síntoma da enfermidade, con todo, din, decidiu derivarse ao hospital por precaución. Os demais residentes mantéñense confinados nos seus cuartos e sen visitas, aínda que deron negativo no test.
O primeiro caso deste foco detectouse nunha empregada da lavandería o sábado. Hai unha segunda traballadora que tamén deu positivo na proba PCR . Está asintomática e illada no seu domicilio.
Esta repunta súmase aos gromos familiares rexistrados no concello pontevedrés nos últimos días e que Sanidade da por estabilizados.
En Santa Comba desinfectan os parques e estes días tamén os espazos comúns dos inmobles en que se detectou algún caso. Os contaxios duplicáronse dende o sábado. Hai máis dunha vintena de persoas cun test positivo; deles, quince teñen relación cunha comida familiar en que se orixinou un foco.
En Melide o número de casos sobe a 42. Atoparon dous novos positivos entre os contactos dos 16 mozos infectados detectados mediante un cribado poboacional.