CRTVG

Buscar

Noriega, na súa despedida da política: "Non estivemos á altura do apoio da xente"

Publicado o 14/07/2020 19:54

Primeira consecuencia do desastre electoral de Galicia en Común. O seu número tres pola Coruña, Martiño Noriega, abandona a súa acta de concelleiro en Santiago. Di que a decisión xa estaba tomada, pero admite que os resultados do domingo precipitaron o anuncio. Para Noriega, as liortas internas acabaron pasándolle factura á formación.

Tras 12 anos con responsabilidades institucionais, incluídas as alcaldías de Teo e Santiago, Martiño Noriega bótase a un lado. Deixa de ser edil por Compostela Aberta. Di que a decisión estaba tomada desde as últimas municipais, pero admite que as eleccións do domingo, en que competía como número tres pola Coruña por Galicia en Común, "aceleraron unha decisión que xa estaba adoptada desde hai tempo". Noriega explica os resultados porque o BNG importou parte do discurso das mareas e pola frustración que eles mesmos xeraron.

Martiño Noriega, exvoceiro de Compostela Aberta no Concello de Santiago: "É un espazo que ao longo destes anos, sobre todo no ámbito nacional galego, cometeu moitos erros. Toda esa posición de liortas internas nacionais non axudou, e é certo que iso pasou unha factura".

Á espera da autocrítica da dirección nacional de Podemos, foi un antigo aliado, Compromís, quen explicaba así a desfeita en Galicia:

Joan Baldoví, Compromís: "Improvisar un candidato desde Madrid en Galicia, esa maneira de entender as cousas, moi centralista, moi desde Madrid, a Podemos non lle funcionou. E logo están todos os seus erros, as loitas intestinas".

Baldoví coincide con Íñigo Errejón: o Podemos que tanto ilusionou en 2015 xa non é o de agora.

Noticias web

14/07/2020