Telexornal Serán
A Alianza pola Seguridade Viaria Infantil recomenda non usar cadeiras infantís de segunda man
Por primeira vez en España, encabezados pola DXT, distintos tipos de colectivos implicados na seguridade viaria dos menores, chegan a acordo para dar a coñecer un decálogo único para protexer os pequenos. Entre as medidas, recomendan non mercar nin empregar ningunha cadeira infantil de segunda man.
"Unha cadeira infantil para coche, xa usada, ten as cinchas, uns arneses, xa máis frouxas do normal, co uso xa non teñen a flexibilidabilidade que deberían ter para protexer... Se mudamos o recheo dos sofás cada certo tempo porque non nos serven, como non imos ver que o acolchado dunha cadeira infantil perde a súa efectividade co uso?. Amais ese material branco e boliñas que todos coñecemos, que levan dentro as cadeiras infantís tamén, estrágase co paso do tempo, perde a súa efectividade para protexer. Hai que ter en conta que, amais se non é herdanza senón mercada, unha cadeira infantil de segunda man non sabemos se xa sufriu un accidente, de ser así posiblemente, xa non sexa apta para protexer", di Abelardo Martínez Meis, policía local de Sanxenxo e Presidente de Atesugal-Fetevi Galicia.
Recomendan, amais, que os menores en cadeiras infantís sempre deben ir nos asentos traseiros dos vehiculos, con sistemas de retención infantís homologados e acordes á súa idade, talle e peso xa que, segundo estudos da DXT, reducen entre o 60 e o 80 por cento, a posibilidade de lesión en caso de accidente.
"De poder, debe ir un adulto acompañando o menor atrás. O sitio máis seguro se só levamos unha cadeira infantil de coche é no centro dos asentos traseiros e sempre, se recomenda, ata que se poida, porque é máis seguro, que o neno vaia a contra marcha, mirando cara atrás, non cara ao condutor, é máis seguro", afirma Abelardo Martínez Meis, policía local de Sanxenxo e presidente de Atesugal-Fetevi Galicia.
E para protexer os menores, os maiores, ao volante ou acompañantes, deben empregar cadeiras de 1.35 e retirar calquera vulto ou equipaxe da zona onde viaxan os nenos. Estas, principais, e outras recomendacións, conforman xa o novo decálogo da Alianza Española pola Seguridade Viaria Infantil, que por primeira vez en España xunta as medidas unánimes de ducias de colectivos de distintos tipos implicados.
"Race e DXT lideran o colectivo en certo xeito pero a alianza inclúe moitos colectivos de todo tipo, entre eles nós, que somos técnicos en seguridade viaria, os galegos, federados no colectivo estatal. Somos Atesugal Fetevi-Galicia e estamos dende hai anos moi implicados e activos na seguridade viaria infantil. Damos cursos, coa nosa exepriencia, por toda España. Decote o que facemos é dar información, charlas etc aos nenos nos centros de ensino. O que queremos é que leven esas recomendacións ás súas casas, que nais e pais etc amais de polos con sistemas axeitados de retención infantil, conduzan a xeito, non usen o móbil mentres conducen, moderen a velocidade... E facémolo coa nosa mascota: O Poli Paco", di Abelardo Martínez Meis, policía local de Sanxenxo e Presidente de Atesugal-Fetevi Galicia.
"O Poli Paco recoméndanvos aos rapaces que digades a papá e mamá que sempre vos protexan con cadeiras homologadas e atadas nos coches... Pero aproveita para lembrarlles aos maiores que non deben estacionar en dobre fila diante dos colexios, que os cativos tamén sabedes e debedes camiñar un anaco, que é moi saudable", di amablemente Abelardo Martínez Meis, policía local de Sanxenxo e presidente de Atesugal-Fetevi Galicia.