CRTVG

Buscar

Un veciño de Portelo entra na casa pola provincia de León e sae cara á horta pola de Lugo

Publicado o 12/05/2020 15:01

Raúl Quiroga entra pola porta da súa casa do lugar de Portelo que dá á provincia de León... e sae pola porta que dá á provincia de Lugo. A casa atópase xusto na linde entre as dúas provincias e por iso o home non ten moi claro qué fase da desescalada lle corresponde seguir. Se a cero, vixente en Castela e León, ou a un, que rexe en Galicia. En calquera caso, como non hai máis veciños no lugar, tampouco corre ningún risco se sae pasear pola contorna. Incluso cando había máis habitantes nunca estivo claro se pertencían ao concello leonés de Balboa ou ao lugués de Pedrafita.

"Non ten moito sentido que estea aquí en León e non poida pasar uns metros para alá. Ás veces veñen os gardas civís de Pedrafita, por aquí pero nunca me dixeron nada".

Raúl, que ten 77 anos, vive coa súa familia en Madrid. Cando se decretou o confinamento estaba a pasar uns días na antiga casa familiar do Portelo e xa non puido regresar á capital. Agora pasa os días vendo a televisión, percorrendo os camiños desta zona de monte e facendo pequenas viaxes a Pedrafita a mercar alimentos. Di que non lle falta de nada e por fortuna tampouco tivo problemas de saúde, polo que só bota de menos poder ter con quen falar.

"Fago de comer, vexo a televisión e dou algún paseo pola contorna. Ou subo mercar en Pedrafita. Aquí pouco máis hai que facer".

Entre os letreiros que indican as entradas ás provincias hai unha separación duns cen metros, polo que as casas do Portelo están nunha especie de terra de ninguén. Só este chanto indica o límite exacto, aínda que ninguén o ten en conta.

Noticias web

12/05/2020