CRTVG

Buscar

"Non máis violencia", clamou Francisco na primeira visita dun Papa a Iraq

Publicado o 05/03/2021 20:21

É unha das visitas máis importantes nos oito anos de papado de Francisco. O sumo pontífice chega a Iraq para reconfortar as castigadas minorías cristiás e tender pontes co islamismo xiíta. O primeiro ministro Mustafá al Kadimi recibiuno no aeroporto e acompañouno ata o pazo presidencial: alí, ante o presidente Barham Saleh,

Francisco compadeceuse dunha terra asolada polas guerras, o terrorismo e os conflitos sectarios. "Basta de extremismo, violencia, faccións, intolerancia...", dixo. E pediulle á comunidade internacional un compromiso coa paz en que cesen os intereses de parte, os intereses externos que se desinteresan da poboación local.

A súa segunda escala foi a catedral da Nosa Señora da Salvación de Bagdad, o lugar onde Al Qaeda matou 57 persoas en 2010, mortes, dixo o Papa, que lembran que o derramamento de sangue é incompatible coas ensinanzas relixiosas. A violencia sectaria minguou unha comunidade cristiá que en 2003 tiña un millón e medio de practicantes e dos que hoxe só queda a quinta parte. A visita durará ata o domingo.

Contra o seu costume, Francisco viaxará por Iraq en coche blindado e protexido por francotiradores. É tamén a súa primeira saída ao estranxeiro desde o inicio da pandemia.

Noticias web

05/03/2021