CRTVG

Buscar

Non haberá final galego polo ascenso á ACB, o Breogán xogará co Granada

Publicado o 10/06/2021 20:15

Pouco despois de que o Breogán festexara deste xeito a súa vitoria ante Alacante, Zach Monaghan tiña a oportunidade de asegurar unha final galega. Pero a noite non era dos tiradores coruñeses. Errou a tripla e será o Granada quen pelexe polo ascenso cun Río Breogán que no momento decisivo da temporada volveu contar co seu principal reforzo como recoñece Diego Epifanio, adestrador lucense: "O efecto Pazo para nós é moi importante, coido que o subidón que lles dá a cada un dos xogadores xogar aquí, cada vez que lles recoñecen o seu esforzo na pista e sobre todo que nos momentos malos aperten creo que iso, xunto co nivel de desexo dos xogadores, foi deteminante".

Nunha vitoria coral dous nomes destacan. Kevin Larsen, imparable na zona e Sergi Quintela, outra vez importante nun partido grande. E o desafío gaña en altura, o sábado comeza a final. Será contra o Granada, que derrotou a un Básquet Coruña que penou polas súas malas porcentaxes no tiro. O premio para o gañador: o ascenso á ACB. "Agorá e a todo ou nada. Agora hai que gañar dous partidos", lembra o técnico breoganista.

O xoves o Pazo acollerá o seu último partido nesta temporada. Ben puidese ser o do ascenso.

Noticias web

10/06/2021