CRTVG

Buscar

No Día Mundial do Leite, o sector traslada os beneficios dos seus produtos

Publicado o 01/06/2021 11:20

O sector lácteo está a negociar os prezos do leite. Segundo algunhas organizacións agrarias, tres céntimos é a liña que separa a rendibilidade. A solución é repercutir a suba dos custes de producción nos novos contratos. Neste Día Mundial do Leite, as industrias lácteas queren trasladar o valor que produce esta cadea á sociedade. Luís Calabozo, director Xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas, destacou que o prezo do leite se configura no mercado e que teñen definido como deben ser as relacións entre produción primaria e industria. Nunha entrevista no informativo Bos días da Televisión de Galicia, dixo que teñen que "trasladarlle ao consumidor o valor do produto para que este o monetice".

Calabozo destacou que existe unha boa relación entre gandeiros e industria e que o sector ten unha gran capacidade para abastecer a poboación duns nutrientes esenciais. Dixo que Galicia "é a rexión co maior número de gandeiros e produtora de leite". O director Xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas subliñou que o sector ten un peso económico importante e que "non se pode deixalo morrer ou en situación precaria".

Calabozo refiríuse á duración dos contratos do prezo do leite e afirmou que pola volatilidade do mercado, ás veces os gandeiros prefiren contratos a menor prazo. Agradeceu a gandeiros, cooperativas e transportistas todo o que fixeron durante a pandemia para que non houbese desabastecemento no mercado. Destacou que a sociedade recoñeceu o valor dos produtos lácteaos e aumentou o seu consumo.

Neste Día Mundial do Leite, Calabozo destacou: "Hoxe é o día de pór en valor os beneficios nutricionais que teñen os produtos lácteos".

Noticias web

01/06/2021