CRTVG

Buscar

No barrio compostelán das Fontiñas rexeitan a construción da sede do Imelga

Publicado o 13/04/2021 14:37

O proxecto do Goberno autonómico de construír a sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia no barrio das Fontiñas segue a xerar receo entre os seus habitantes. O Concello de Santiago cede o terreo e, segundo di, a Xunta foi quen elixiu facelo aquí.

O que máis asusta os veciños é a implantación de salas de autopsia con nivel de bioseguridade BSL3, é dicir, onde poden traballar con patóxenos que potencialmente causan enfermidades serias ou letais.

José Antonio, veciño das Fontiñas di: "Xa non ten reparos en dicir que si se van montar esas salas de autopsia. Cremos que na zona en que está, onde viven 17.000 persoas, onde hai unha gardería a menos de 100 metros, un instituto a 150 e 17.000 persoas que viven arredor deste centro, cremos que pode ser un grave perigo".

É o argumento máis escoitado entre os veciños. María vive nas Fontiñas e di: "É un barrio tranquilo, residencial e porque hai outras parcelas onde se podería facer esas instalacións. Podían contar un pouco coa opinión dos veciños, dos residentes...".

Din que preto de aquí, na Sionlla, tería unha localización menos perigosa. José Antonio engade: "Está ao lado do xulgado, cinco minutos en coche, é un sitio perfecto porque non ten vivendas, xente, veciños a quen lles vaia molestar e teman pola súa vida".

Mentres, exhiben a expresión do seu rexeitamente ao proxecto, agardando a mesma guía que levou a pretensión de facelo ao lado dos xulgados. A Xunta ten previsto telo redactado este ano para empezar a obra o que vén.

Noticias web

13/04/2021