Ningún dos candidatos a presidir a Comisión Europea logra o respaldo necesario
Pasaban das dúas da mañá cando en Bruxelas rematou, sen acordo, a reunión dos líderes europeos para designar o substituto de Jean Claude Juncker. Os conservadores, encabezados por Merkel, esgrimiron a súa vitoria electoral para negarse a retirar o seu candidato a presidir a Comisión Europea, tal e como lle pedían socialistas e liberais.
Merkel polos conservadores, Macron polos liberais e Sánchez polos socialistas, primeiro reunidos os tres en privado, e despois na mesa dos 28, encabezan as conversas para designar o novo presidente europeo. O executivo comunitario, a Comisión, ten que renovarse tras as eleccións de maio, e os conservadores enrócanse na súa proposta, Manfred Weber; mentres socialistas e liberais tentan pactar unha alianza para desaloxar os populares tras quince anos á fronte da presidencia.
Despois de longas horas de conversa, o intento rematou sen acordo. "Acabo de constatar con placer, satisfacción e moita alegría que está sendo difícil substituírme", dixo Juncker co seu humor habitual. "Ningún dos tres candidatos logrou maioría suficiente", engadía Donald Tusk. Mentres, o resultado do cumio -a falta de acordo- líase como unha vitoria de Macron, que desde o comezo se amosou disconforme co método de elección.
O que pasará a partir de agora non se sabe. Coa intención de evitar unha crise institucional seguen os contactos dos grupos de traballo, estúdanse nomes e alternativas e emprázase aos responsables europeos a un novo cumio no que podería designarse non só o presidente da Comsión, senón tamén os do Consello Europeo, o BCE e o alto representante da Política Exterior.