CRTVG

Buscar

Ninguén quere mercar a casa onde asasinaron a Asunta

Publicado o 15/05/2020 19:34

Este é o aspecto que presenta hoxe a casa onde asasinaron a Asunta Basterra. Un xardín a monte, unha piscina sucia e unha enorme propiedade co portal traseiro forzado. Din os avogados que representaron os pais da cativa que xa a saquearon dúas veces.

Rosario quería vender o chalé que herdara xa antes de que ela e seu home asasinaran alí a súa filla. Era agosto de 2013 e daquela a impoñente vivenda valorábase nun millón de euros. Unha mansión en Teo de 400 metros cadrados cunha propiedade circundante de 10.000. No interior, cinco cuartos dobres cos seus baños, catro salóns, unha adega, unha lareira, hórreo, pista de tenis, piscina e unha enorme fraga rodeándoa. Parecía perfecta.

O 21 de setembro de 2013 a casa fíxose tristemente famosa. Moi preto do lugar apareceu o cadáver da pequena Asunta. E a policía comezou a buscar na casa as probas que finalmente incriminaron os pais. As imaxes do rexistro no chalé víronse nas televisións de todo o país. E dende ese momento, pasou a ser unha casa maldita.

O seu prezo baixou dende o millón de euros ata os 400.000. Pero seis anos despois a casa segue sen vender.

Algúns veciños que a viron por dentro din que é preciosa. Pero ninguén quere imaxinar o que pasou entre as súas paredes.

Noticias web

15/05/2020