Nin dar a paz nin pasar a cesta, algúns dos cambios nas misas desde o luns
Máis aló dos protocolos de seguridade e sanidade que vemos en todos os espazos comúns, as fases de desconfinamento traerán cambios substanciais nos ritos que se desenvolven nos templos do bispado de Lugo, como é a catedral. Un dos máis curiosos será na cerimonia de bautismo: os cativos serán unxidos cun pau de algodón e non coas mans do párroco. E o mesmo sucede coa unción de enfermos, da que, ademais, se retira os sacerdotes de máis idade.
Tamén se suspende o tradicional acto de dar a man en desexo de paz. En canto á comuñón, os párrocos non se dirixirán aos fieis dicindo o de "corpo de Cristo" nin estes responderán "amén" de xeito que a Eucaristía se distribuirá na man e en silencio. E tampouco se pasará a cesta da colecta reservando un espazo fixo para os donativos. Estas medidas e moitas outras comezarán a aplicarse o vindeiro luns, cando se retome o culto nos templos.
Separación de dous metros entre os fregueses, desinfección antes e despois das misas nos lugares de culto e subminstración de xel hidroalcohólico para as mans nos accesos aos templos. Son algunhas das medidas coas que se van retomar as misas nas igrexas galegas a partir deste luns día 11. Ademais, as portas permanecerán abertas para garantir a ventilación durante os ritos e visitas. As pías de auga bendita continuarán baleiras e pídese aos fieis que acudan con máscara aos servizos. Por suposto, estas normas estarán tamén vixentes en ritos como bautizos, enterros ou vodas.
"Coa axuda dalgúns fregueses imos crear un grupo de orde para garantir que se dan as condicións de seguridade sanitaria no interior da igrexa durante os ritos."
Tamén quedan suspendidas as intervencións de coros parroquiais e non se vai distribuír ningún tipo de libros, follas ou impresos. E recoméndase que as persoas que sexan factor de risco sigan sen acudir ás igrexas.