CRTVG

Buscar

Nigrán queda sen cacharelas de San Xoán multitudinarias

Publicado o 25/05/2021 14:05

A praia de Panxón quedará, un ano máis, sen lume na noite mais curta do ano. As condicións sanitarias non invitan ás aglomeracións e desta vez as cacharelas terán que facerse en 'petit comité'. O Concello apela á responsabilidade e prohibe as fogueiras na praia para evitar a aglomeración de milleiros de persoas, habitual na noite de San Xoán. Opinión que comparten os veciños de Nigrán.

O que si permite o concello son as fogueiras de particulares ou entidades veciñais, que deberán pedir autorización antes do 13 de xuño. Deberán cumprir unha serie de requisitos, como que o material inflamable deberá estar amoreado cun día de adianto á queima, as cacharelas non poderán ser de máis de 5 metros de diámetro e 3 de altura, e a un mínimo de 12 metros de distancia das casas, árbores ou superficies queimables. Non se poderá prender lume a materiais que desprendan gases tóxicos, e os responsables deberán garantir a completa extinción das cinzas.

As grandes celebracións quedan para máis adiante. Segundo o que foi presidente da comisión de festas de San Xoán de Panxón o últimos anos, Ángel Red, "celebrarase con moitísimas ganas, logo de dous anos, se Deus quere se fará unha cousa polo grande". Todo sempre en función das autoridades sanitarias, que poderían suspender as fogueiras privadas se a situación o esixe.

Noticias web

25/05/2021