Nieves Cabo: "Poño aínda que sexa a quinta dose"
• Comezan a dispensar nas residencias de maiores de Galicia a terceira dose da vacina contra a covid-19
• O Sergas ofrecerá facilidades para que se vacinen as persoas que aínda non o fixeron
Nieves Cabo, a primeira galega en recibir unha dose da vacina contra a covid-19 con 82 anos o pasado 27 de decembro, recibiu este martes 21 de setembro a terceira dose de Pfizer, ou dose extra, que o Servizo Galego de Saúde comezou a administrar aos usuarios de residencias de maiores como parte do colectivo vulnerable en que se centrarán os reforzos inmunolóxicos contra o coronavirus.
A Nieves puxéronlle esa terceira picada pouco despois das dez da mañá deste martes na residencia Porta do Camiño, de Santiago de Compostela, onde xa recibira as dúas doses da vacina en plena terceira onda do coronavirus.
Mirando para a agulla, coa mesma valentía e gratitude coa que se converteu na primeira vacinada de Galicia, Nieves recibiu esa terceira dose acompañada polas autoridades sanitarias e asumindo con naturalidade o foco dos medios.
"Onte cando llo contei á filla en Madrid, díxenlle 'vou poñer a terceira' e díxome: 'non me digas, mamá!'", explicaba Nieves, quen agarrando a máscara dicía: "Eu o que quixera era quitar isto, a ver cando se pode".
Aos que non queren vacinarse dirixíase Nieves. "Diríall
es que son uns parvos, porque é a mellor cousa que hai. Eu agora en outubro vou dar a da gripe, canta vacina hai póñoa eu". E se hai que poñer unha cuarta dose dicía: "Aínda que sexa a quinta".
O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzaba este luns o inicio inminente da administración das terceiras doses, que estarán centradas no colectivo de maiores e nas persoas con algunhas patoloxías previas, como os trasplantados.
Serán en total uns 22.000 usuarios de residencias os que van recibir esta terceira dose. A partir do mércores, a campaña da dose de reforzo estenderase ao resto dos xeriátricos do país.
Un novo paso na campaña de vacinación contra a covid que xa chegou, con pauta completa, a preto do 92 % da poboación diana.
As vacinas xa lles permiten aos maiores das residencias facer proxectos, visitas, saír á rúa.
Á marxe do gromo da residencia de Monforte, con 51 casos, só se contan outros dous contaxios en centros sociosanitarios e a gravidade é moito menor. A terceira é para reforzar a inmunidade.
Antón Acevedo, director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, di que "sabemos que existen determinadas vacinas que ao cabo dun certo tempo decae a inmunidade, sobre todo en xente con procesos de inmonodepresión e xente maior que o seu sistema inmunitario está debilitado e a ponencia de vacinas do Ministerio decidiu que as terceiras doses comece nestes dous grupos".
Carmen Durán Parrondo, directora xeral de Saúde Pública, asegura que "entendemos que os residentes de todos dos centros sociosanitarios de Galicia poderán ser vacinados nos próximos 15 días".
O resto das persoas inmunodeprimidas irán tamén recibindo a terceira en función do que permitan os seus tratamentos.
Mentres, a covid retrocede e a vida avanza. "Empezas a poder tomar a vida doutra maneira, porque eles vense máis tranquilos, as medidas empezan a ser máis laxas, ábrese un pouco a veda coas saídas", explica Vanesa Castro, directora da residencia Porta do Camiño.
As saídas e o contacto con outras persoas, que é o que botaron de menos nos meses duros e que agora celebran recibindo con ilusión as autoridades e a prensa.