CRTVG

Buscar

Nieves Cabo: "Fun a primeira en vacinarme porque o resto tiña medo"

Publicado o 23/10/2021 15:26

Galicia chega ao decaemento da emerxencia sanitaria grazas a moitas normas e medidas de restrición pero sobre todo grazas ao éxito da campaña de vacinación que comezou a poucos días de rematar o 2020. Foi o 27 de decembro dese ano no que coñeciamos a Nieves Cabo por ser a primeira persoa vacinada en Galicia.  

Despois daquela primeira dose, xa sen aplausos pero aínda con flashes, veu unha segunda en xaneiro de 2021 e unha terceira hai algo máis dun mes, en setembro. Nieves foi a primeira en Galicia dos 30.000 residentes en xeriátricos. O seu nome e o seu apelido están na nosa historia da pandemia de 2020.

Xa que ela é un símbolo do principio da fin do pesadelo conversamos con ela na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, que é tamén un símbolo do proceso de vacinacións masivas na nosa terra.

Nieves conta que non sente o peso da historia e que se foi a primeira en vacinarse foi porque os seus compañeiros da residencia tiñan máis medo ca ela. Vanesa Castro, a directora da residencia de maiores Porta do Camiño, bota a vista atrás e di que escolleu a Nieves polo seu carácter positivo e botado cara adiante. 

Emilio, outro residente compañeiro de Nieves, Vanesa, a directora do centro, e a propia Nieves colaboran hoxe coa Radio e coa Televisión Galega para mirar cara atrás desde o que foi o centro de vacinacións masivas en Santiago, a Cidade da Cultura.

Cóntannos o que mellorou a súa vida despois de vacinarse. Nieves xa ten o billete a Madrid para coñecer alí un novo bisneto. 

Vanesa Castro admira os seus maiores. Explícanos como mantiveron a calma no peor da pandemia. Pensa que pode ser porque pertencen a unha xeración que viviu a fame, a guerra e a falta de liberdades. Para eles a pandemia do coronavirus é unha historia máis, outra historia do libro da súa vida.  

Despois dá gusto velos marchar os tres do xeriátrico Porta do Camiño, Cidade da Cultura abaixo. Pisan o chan que hai un mes pisaban ringleiras de xente que agardaba recibir a vacina contra a covid-19. 

Noticias web

23/10/2021