CRTVG

Buscar

Ángeles Vázquez: "Non podemos ser perseguidores da industria e dos postos de traballo na estratexia climática"

Publicado o 13/12/2019 10:47

Galicia está presente no Cumio do Clima e presenta a estratexia do noso país. Ángeles Vázquez, en directo desde Madrid, no Bos días, explicou que "Galicia é unha das catro comunidades que teñen estratexia de cambio climático e enerxía 2050. Vimos demostrar que se poden facer ben as cousas, con neutralidade climática, e non ter o foco sempre enriba da industria".

"Galicia ten un documento avaliado a nivel internacional, no cal, ademais das distintas accións, que son 750, tamén poñemos orzamento: 1.250 millóns de euros de aquí ao ano 2050 con ese fin, que as emisións sexan compatibles coa abosorción e ao final teñamos un equilibrio", dixo Ángeles Vázquez.

Nesa estratexia, a Xunta asegura que non busca un enfrontamento directo coa industria senón que a implicación sexa global: "Sabemos que se está facendo un bo esforzo, e non podemos ser perseguidores da industria e dos postos de traballo. Estase adaptando e tamén temos que adaptar os nosos fogares, cambiar as rutinas, empregar o transporte público e tratar os residuos".

A conselleira defendeu a estratexia que está adoptando Galicia e cre que pode ser un exemplo para outros territorios: "Hoxe Galicia preséntase aquí como unha das rexións maís avanzadas. Aínda onte o Consello da Xunta deu luz verde á Lei de residuos e solos contaminados, xunto coa estratexia de economía circular. É dicir, deixemos atrás o trinomio de construír, utilizar un produto e tiralo, para entrar no círculo de reciclar e volver utilizar".

Ángeles Vázquez tamén falou das novas medidas que se van implantar e que pronto os cidadáns teremos que adoptar: "O mellor residuo é o que non se produce, pero unha vez que se produce hai que ir máis alá, e, polo tanto, separación dos residuos, sendo nós mesmos conscientes e producir menos residuos. Antes do 31 de decembro de 2023 teremos un novo contedor na rúa, o marrón para os biorresiduos e de aí podemos sacar produtos que teñan valorización como o 'compost'. Pero non só imos por esa liña, antes do 31 de decembro de 2024 tamén será obrigatoria a separación de téxtiles e residuios perigosos de uso doméstico".