CRTVG

Buscar

Neve na montaña ourensá a seis semanas do verán

Publicado o 10/05/2021 21:45

Viron nas previsións metereolóxicas que daban neve por riba dos 1.100 metros de altitude e subiron a Manzaneda para ver caer folerpas en pleno mes de maio.

Neva en Manzaneda e tamén en Pena Trevinca, e segundo Meteogalicia mañá seguirá nevando na montaña ourensá e lucense aínda que a cota ascenderá aos 1.300 metros.

Unha neve que este ano chega moito máis tarde do canto do cuco pero que non sorprende tanto aos máis maiores.

A temperatura en Manzaneda baixou ata os dous graos baixo cero. Pero a profunda borrasca deixa choiva e frío en toda a provincia de Ourense. Ben saben no rural do que chaman frío da Santa Cruz.

O sábado en Ourense tivemos temperaturas superiores aos 27 graos, dous días despois na mesma provincia a estampa é esta. Invernía cando faltan só seis semanas para o verán.