CRTVG

Buscar

A neve cubriu a comarca do Deza e dificultou o tránsito a primeira hora

Publicado o 02/02/2019 14:32

Din que no día da Candeloria se chora ou venta o inverno entra. E no Deza entrou esta madrugada con neve que cubriu a comarca e que dificultou o tránsito a primeiras horas na AP-53, á altura de Dozón, nalgúns puntos da Nacional 525 e na provincial entre Lalín e Rodeiro. Os servizos de Protección Civil e conservación de estradas resolveron a primeira hora os principais incidentes da nevarada.

"Levantámonos a partir das cinco da mañá xa cunha nevarada totalmente callada. En principio había unha xente que ía a diálese a Santiago e quedoulles a ambulancia atrapada e fomos axudar un pouquiño a sacala. Despois habilitamos un pouco o que son as estradas, sobre todo estradas secundarias, que son as que estaban bastante mal, botar sal." Di Francisco Gutiérrez, de Protección Civil de Lalín.

E a neve, máis aínda caendo en sábado, deixa estoutra estampa. Foi a causa de que moitos hoxe botasen o pé fóra da cama antes do habitual.
"Vin a neve desde o meu cuarto e pregunteille a miña nai se podía baixar con ela. Díxome que me vestira, que me abrigara e estiven desde as dez da mañá aquí facendo a bóla de neve."
"Hoxe pola mañá vin pola ventá e dixen: Neve!
"Estaba na cama, e facía moito frío e miña irmá foi mirar pola ventá e viu neve e estaba berrando." Din os rapaces que xogan coa neve.

Da Candeloria din tamén que chore ou deixe de chorar metade do inverno está por pasar. De momento a cota de neve sobe ata os 800 metros, así que nunhas horas derreterá e estes cativos agardarán á que lle corresponde a esa segunda metade do inverno.

Noticias web

02/02/2019